Neura
Domingo 12 Outubro ás 19:00 H
Luga Auditorio Lois Tobío
Prezo 7 €
Público Familiar
Idade recomenda: + 12 años
Duración: 45 minutos
A saúde mental é a primeira preocupación sanitaria da poboación, por diante do cancro, da covid ou do estrés.
Pasamos sen decatarnos da ocultación á exhibición.
Medicámonos con ansiolíticos, té matcha, herbas diversas ou pílulas homeopáticas. Acudimos a terapias de todo tipo:
saltamos da psicanálise aos cuncos tibetanos, coaches motivacionais, constelacións familiares ou retiros espirituais.
Todo vale para acadar a paz mental. Hai mesmo quen lle colle o gusto ao asunto e remata por converterse tamén en terapeuta.
Os trastornos mentais democratizáronse: Todos estamos tolos. Pero de que nos preocupamos exactamente? Depresión, esquizofrenia, neurose? Son nomes que asustan e esixen un tratamento serio. Pero a miúdo non é iso o que nos aflixe, senón algo máis cotiá: As nosas pequenas neuras. Esas coas que convivimos e que xa son da familia,, que nos amargan a existencia, pero nos resistimos a perder porque sen elas deixariamos de ser quen somos.
Poderiamos chamalas enfermidades? Onde está o límite? Doutra banda, por que debería tratarme a miña pulsión por evitar as escaleiras e os gatos negros mentres Iberia elimina a fila 13 dos seus avións?
Neuras, teimas, manías… nosas e dos seres da nosa contorna:
eliximos presentalas neste espectáculo coma unha celebración das diferenzas, nunca como un estigma social.
NEURA é unha comedia que aborda o tema da saúde mental, iso si, con minúsculas. Os nosos protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Tentan agochar algunhas, exhiben outras orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas.
Neura non é unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor que terminou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos ex. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que actuamos como perfectos descoñecidos.
Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias. Obrigados unha vez máis a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras.
Con todo, a evolución de cada un por separado, durante estes anos, a traves de diferentes terapias e pseudo-terapias fai que se encontren fronte fronte cunha versión actualizada
da persoa á que coñeceron.
Situacións novas e sorprendentes que nos farán viaxar dun xeito hilarante a través do mundo dos trastornos e a saúde mental. Un camiño afastado de preconceptos caducos, que
confronta con sinxeleza as múltiples alteracións da personalidade. Manías das que ninguén se libra, por moito que as ocultemos ou sexan tabú.
Neura é unha comedia neurótico-festiva na que todos e todas nos veremos reflectid@s.
A mellor terapia: rirnos de nòs mesm@s!
Equipo
- Elenco:Manuel Pombal e Stephy Llaryora
- Dirección e dramaturxia Manuel Pombal