Kyoki

03/11/2024 19:00 Auditorio Lois Tobío

KYOKI é un espectáculo sen palabras destinado ao público infantil e familiar que aborda a temática do esquecemento, a vellez e a soidade. KYOKI significa “demencia” en xaponés e refírese a unha alteración da capacidade para lembrar, pensar ou tomar decisións. É certo que adoita aparecer en persoas de idade avanzada, pero… Quen nunca esqueceu onde colocou a caixa das galletas? Ou por distracción púxose o xersei do revés?
KYOKI é unha mirada cómplice, reflexiva e sensible ás experiencias que viven tanto as persoas que necesitan ser coidadas como as propias coidadoras. A familia, as institucións médicas e as institucións sociais están presentes nos tres personaxes interpretados pola actriz protagonista: a avoa, a súa filla e a doutora. A través dunha linguaxe xestual fundamentado na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa desde o realismo ata a hipérbole da vida cotiá. O xogo teatral baséase no traballo plástico da corporalidade da intérprete e nunha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal, definindo unha secuencia dramatúrgica na que a imaxe toma un protagonismo total. A posta en escena fundaméntase deste xeito na dinámica pictórica da organización do espazo teatral e na narrativa das propias accións físicas que reflicten desexos, sentimentos e todos os estados dramáticos definidos.